Turismo de Galicia presenta en Vigo un software pioneiro no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos
A ferramenta, que consiste nunha aplicación de xestión de pequenos establecementos hoteleiros, foi deseñada polo Instituto de Estudos Turísticos de Galicia e é gratuíta. Esta mañá, a directora do IET Galicia, Rosanna López Salgueiro, presentou o software aos hostaleiros da provincia de Pontevedra en compañía da xerente da Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra, Yolanda Gómez Ambrosio.
A ferramenta é compatible con outros sistemas, e algunhas entidades e organizacións turísticas xa amosaron a Turismo de Galicia o seu interese por coñecer a ferramenta e estudar unha posible cesión da mesma.
En Vigo hai 49 hoteis e 39 pensións, mentres que na totalidade da provincia de Pontevedra existen 402 establecementos hoteleiros e un total de 261 pensións, segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. No conxunto da comunidade autónoma, a cifra de hoteis é de 884 e a de pensións de 1.181. Co obxectivo de mellorar o sistema de xestión interna dos establecementos hostaleiros de toda Galicia, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia – IET de Galicia- vén de deseñar unha ferramenta pioneira de xestión de establecementos hostaleiros. Trátase dun software libre que permite unha xestión profesional e máis operativa aos responsables dos pequenos establecementos hoteleiros de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo cotián como realizar reservas e facturas nunha base ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o plantel.
A directora do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, Rosanna López Salgueiro, presentou hoxe en Vigo, no Centro de Formación de Hostelería de Pontevedra, esta ferramenta e destacou que “grazas a ela, os pequenos establecementos turísticos da provincia de Pontevedra poderán ser xestionados como as empresas fundamentais que constitúen para o entramado turístico da nosa comunidade”. Segundo dixo, neste proxecto únense dous obxectivos básicos que son a mellora da calidade e a competitividade do sector turístico e máis a mellora do sistema de información estatística que posúe o IET de Galicia.